miércoles, 6 de mayo de 2015

Na procura do sono para vivir un soño

Lembro a noite que, sendo eu máis novo, precedeu á excursión de fin de curso e de fin de Primaria (que daquelas déranlle en chamar E.G.B.).
Tiña medo de quedar durmido así que elaborara todo un complexo plan de emerxencia para non durmir ou, en caso de accidente e caer en brazos de Morfeo, espertar axiña. Orixinalmente e coa finalidade de que miña nai non sospeitara nada, coloquei algo duro baixo a almofada de xeito que resultara imposible conciliar o sono ante tal incomodidade. Como as pálpebras pesaban como se levara varios quilos de costeletas feitas á brasa e cun toque de sal gorda enriba, procedín a incorporarme e sentarme na cama. Cavilei que estando nesa posición non sucumbiría a deambular entre querubíns en intrépida viaxe polo mundo onírico pero como non as tiña todas comigo esparcín unha morea de libros de tapa dura (unha colección do pequeno vampiro pola que debecía) para que en caso de adormecer e caer sobre o colchón, o golpe na cachola me fixera espabilar.
Despois dun bo anaco xa os cadrís me doían e autoconvencinme de que era mellor botar unha soneca para estar fresco ao día seguinte. Gran idea!!!

Pregúntome se algún de vós andará agora maquinando algunha falcatruada destas pero agardo que non, que descansedes e vos preparedes para uns días cheos de emoción e vivencias con esta familia do Xesús Golmar que xa ten un espazo alugado nos vosos corazonciños de por vida.
Que teñades doces soños... esta noite e as vindeiras, non nos vaiades amolar o descanso no hotel!

No hay comentarios: